Tuesday 14 de May de 2024

A Festa do Polbo de Palmeira regresa na súa segunda edición con máis metros de carpa e o reto de superar os mil kilos consumidos


O xornalista palmeirán Pemón Bouzas será o pregoneiro

A Festa do Polbo de Palmeira regresa esta fin de semana na súa segunda edición coa previsión posta en superar os mil quilos de cefalópodo que foran consumidos o pasado ano polos veciños e visitantes que se achegaron á localidade.

O concelleiro Emilio Pérez Outerial e a tenente de alcalde Fabiola García Martínez foron os encargados de presentar a programación do evento, que se desenvolverá durante o sábado 29 e o domingo 30 na explanada portuaria. O coñecido xornalista palmeirán Pemón Bouzas será o encargado de ofrecer o pregón inaugural o sábado ás 12.30 horas para dar paso trinta minutos despois a unha masterclass de zumba ofrecida por Olga Gago.

Emilio Pérez informou de que o reputado pulpeiro Manuel Veloso levará por segundo ano o mando dos fogóns e salientou que para esta ocasión ampliouse a superficie da carpa da festa en 250 metros cadrados, pasando de 500 a 750.

Actuacións
Para amenizar o evento gastronómica haberá distintas actuacións. Ademais da citada clase maxistral de zumba, hai que sinalar neste senso as actuacións da charanga BB+ e do Grupo O Rueiro da Sociedade Hijos de Palmeira, que amenizarán coa súa música tanto o día do sábado como o do domingo.

Tocante ás noites, o sábado actuará ás 22 horas o Trío Togayán, en tanto que o domingo fará o propio a cantante pobrense Mar Davila.

A cita está organizada polo Concello e conta coa colaboración de distintos locais de hostalería de Palmeira (Bar Baluarte, Bar a de Alejandro, Café Bar Manolo o do Café), ademais da comisión de festas.